Friday 03 de May de 2024

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza o primeiro curso de mediación en conflitos xuvenís, unha nova aposta pola educación non formal


Esta acción formativa consta de 30 prazas e de 25 horas lectivas en modalidade semipresencial, que se desenvolverán entre o 24 de maio e o 28 de xuño no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza, dentro do ámbito da educación non formal, o primeiro curso de mediación en conflitos, dirixido aos profesionais da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e á mocidade en xeral. Esta acción formativa consta de 30 prazas e de 25 horas lectivas en modalidade semipresencial, que se desenvolverán entre o 24 de maio e o 28 de xuño no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago.

O temario do curso contará con cinco módulos, nos que se abordará o conflito como proceso e oportunidade para o cambio; a educación para a convivencia e prevención de conflitos; o comprensión e análise das situacións de conflito; a mediación educativa como estratexia na abordaxe de conflitos; e a posta en marcha de proxectos de mediación no ámbito educativo.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado aposta pola educación non formal como un compoñente fundamental para a creación de sociedades de aprendizaxe permanente, ademais de preocuparse pola formación específica neste ámbito que axude a resolución de conflitos no ámbito xuvenil.

Este curso vén a complementar outras actuacións levadas a cabo pola propia Dirección Xeral como a promoción e organización de actividades e programas cun claro compoñente de educación non formal, da que a participación se deriva na adquisición, por parte da xuventude, dunha serie de competencias, destrezas e habilidades que poden ter un gran impacto sobre a empregabilidade xuvenil, ademais de contribuír ao desenvolvemento persoal de mozos e mozas.

Éxito na primeira convocatoria
Existe a evidencia de que o compromiso e a participación prolongados neste tipo de iniciativas son unha vía máis para axudar aos mozos e mozas na súa transición ao emprego, o cal se facilitaría se existira algún recoñecemento formal das competencias adquiridas coa devandita participación.

Esta primeira edición conta cunha gran demanda de prazas que xa superou a oferta inicial, polo que xa se está a programar unha segunda edición que se convocará nas vindeiras semanas.